O modelo de cidade de Pontevedra chegou este luns, 5 de maio, até a Universidade de Heidelberg, a máis antiga de Alemaña. Fíxoo a través dun convite da propia institución, que cada semestre organiza unha conferencia para un amplo público, adicada a temas sociais e de actualidade, e que inclúe a presenza de expertos internacionais.
Nesta ocasión foi o rexedor da cidade de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández, quen tratou de explicar e achegar os fondos cambios e transformacións logradas na Boa Vila ao longo do último cuarto de século, a través dun relatorio baixo o título Decidir o rumbo cara ao futuro - Mobilidade. Unha cidade pensada para as persoas. A conferencia foi traducida de xeito simultáneo a oito linguas (alemán, inglés, francés, italiano, xaponés, portugués, ruso e portugués), amais de ser transmitida ao vivo por streaming desde o salón de actos da facultade de Tradución e Interpretación da Universität Heidelberg, quedando nas súas canles oficiais para ser consultada e compartida no futuro.
O rexedor tratou de explicar as distintas decisións que se foron tomando na cidade de Pontevedra para mellorar a calidade de vida da mesma, tendo como base a idea de que as súas prazas e rúas deben ser para as persoas. Así, desde a decisión de restrinxir o tráfico ao imprescindible no centro da vila, limitar a velocidade ou utilizar o espazo público para todo tipo de actividades; o alumnado puido coñecer os resultados destas accións.
Lazos políticos entre Heidelberg e Pontevedra
Ademáis, o rexedor Fernández Lores mantivo unha xuntanza co alcalde Raoul SchmidtLamontain, na que compartiron impresións e ideas sobre a mobilidade, o urbanismo municipal e o futuro das cidades.
Este encontro formou parte do segundo apartado da axenda oficial do representante pontevedrés tras participar nun congreso na institución académica de Heidelberg.